Oleiros, 16 de setembro de 2015-. Os pais e as nais dos nenos e nenas do Colexio Valle Inclán de Perillo concentráronse diante das dependencias da Xunta de Galicia na Coruña para protestar pola eliminación de profesores para os nenos e nenas con necesidades educativas especiais. O Goberno municipal acompañou os pais e as nais nesta reivindicación que ten a súa orixe nos brutais recortes que a Xunta segue a aplicar no sistema educativo público.
A ANPA do colexio explicou que “a Consellería de Educación reduciu o profesorado especialista ao inicio do curso nun 50% respecto ao ano pasado. As necesidades do alumnado do centro son de 67 horas de pedagoxía terapéutica e 54 horas de audición e linguaxe. Co actual profesorado só se poden cubrir 35 de pedagoxía e 25 de audición e linguaxe”.
Desde a asociación de nais e pais tamén denunciaron que “a Dirección do CEIP Valle Inclán de Perillo veuse obrigada, por imposición da Consellería, a matricular alumnos por riba do ratio establecido por lei, habendo prazas libres noutros centros do concello, sobre todo no CEIP de Nós que se inaugurou neste curso escolar. Este sobrerratio non permite unha atención adecuada ao alumnado xeral, con clases de 26 ou 27 alumnos onde os nosos fillos non teñen mestres especialistas que garanten o seu progreso”.