Oleiros, 27 de abril de 2012-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, manifestou a súa satisfacción esta mañá en relación á retirada da caseta instalada por Portos no porto de Mera. O alcalde sinalou que se trataba dunha construción ilegal instalada polo anterior director deste organismo a petición do exportavoz popular Pablo Cobián.
García Seoane cualificou a instalación desta caseta como unha actuación electoralista. «O señor Cobián pensou cinco días antes das eleccións en colocar aí unha caseta ilegal a todas luces pensando que así podería convencer a un grupo de veciños», indicou. Desde a Xunta comprobaron que se trataba dunha «bravuconada» e procederon coa apertura dun expediente a retirar a caseta.
Así mesmo, o alcalde anunciou que estableceu conversacións con Costas para establecer unha zona acoutada onde os veciños de Mera poidan varar as súas embarcacións. Ademais o rexedor sinalou a posibilidade e situar unha pequena caseta legal e ben tramitada nesa zona.