Oleiros, 09 de agosto de 2016-. A Xunta de Galicia acaba de iniciar estes días os traballos de creación e acondicionamento dun comedor no interior do edificio do Colexio Valle Inclán sen solicitar autorización municipal e coa previsión de abordar tan só unha parte do proxecto. Ante esta situación, o Goberno municipal adoptará medidas urxentes para que os traballos se realicen por completo e se poña fin a unha situación que condena ao alumnado deste centro a comer nuns galpóns.
Tanto do Concello de Oleiros como a ANPA levaban anos denunciando esta situación e demandando un comedor escolar digno. Despois de moito ir e vir, a Xunta iniciou as obras no edificio, pero empezou os traballos sen solicitar a correspondente licenza no Concello de Oleiros. Ademais, o organismo autonómico tampouco ten previsto abordar a totalidade da obra e tan só acondicionará unha parte do edificio que actualmente se atopa sen uso para este fin, sen dotar das dependencias precisas para preparar a comida dos rapaces.
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, avanzou que o Goberno local tomará medidas neste asunto. “Non sei se isto se debe a cuestións electorais, pero non se pode permitir facer un comedor sen cociña. Levamos anos denunciando eses galpóns miserentos e agora que non hai clases é o momento de realizar estas obras por completo”, dixo.