Oleiros, 07 de abril de 2016-. Hoxe cúmprense 13 anos do asasinato do xornalista cordobés Julio Anguita Parrado, que foi alcanzado por un mísil na infame Guerra de Iraq. Mañá tamén é o aniversario da morte de José Couso Permuy, asasinado polas tropas dos Estados Unidos no mesmo conflito bélico. O Goberno local reclama xustiza e lembra a importancia de reivindicar a memoria de todas as persoas que deron a súa vida por manternos informados das barbaries do belicismo durante a triste era do Trío das Azores.
José Couso ten un parque público en Oleiros desde setembro. A decisión de outorgarlle o seu nome á zona verde que hai no alto de Perillo foi unha das primeiras medidas tomadas polo goberno municipal nesta lexislatura. Desta maneira, o Concello de Oleiros pretende lembrar un caso que foi arquivado pola xustiza. Coas leis aprobadas polo PSOE no ano 2009 e polo Partido Popular en 2014, a xustiza española non ten capacidade de actuación para xulgar este tipo de crimes, lexitimando a impunidade.
Na mañá do 8 de abril de 2003, o 64 batallón da 3ª división acoirazada dos EEUU ataca os 3 sinais que emitían en directo en Bagdad. Bombardean a sede de Al-Jazira, asasinando o produtor Tareq Ayoub, ametrallan a sede de Abu Dhabi TV, producindo decenas de feridos e, en ausencia de combates, disparan desde un carro de combate un proxectil de 120mm de alto explosivo Heat á altura da planta 15 do Hotel Palestina, asasinando no acto o cámara Taras Prostyuck e ferindo de gravidade a José Couso. A gravidade das feridas fixo que non saíse da operación. Desde entón a súa familia non parou de esixir investigación e xustiza.
A Asociación Hermanos, Amigos y Compañeros de José Couso convoca, como todos os anos, unha concentración fronte á embaixada dos Estados Unidos en Madrid o domingo día 10 ás 12.00 h para reclamar xustiza e reparación.