Oleiros, 17 de xuño de 2016-. Nun novo ataque do Goberno autonómico contra o ensino público, a Xunta de Galicia ten previsto suprimir o único ciclo de formación profesional existente no Concello de Oleiros. O Goberno local oponse a esta decisión e solicítalle á Consellería de Educación que, para non prexudicar a variedade e calidade educativa oleirense e en apoio á dirección do centro e do claustro, aprace a supresión ata que remate o período de admisión de matrículas e se poida coñecer a demanda real existente.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten en proxecto a supresión definitiva do Ciclo Formativo de Grao Medio en Instalacións Eléctricas e Automáticas a partir do próximo curso 2016/2017. O IES María Casares vén ofrecendo desde hai anos este ciclo, que ademais é o único de formación profesional autorizado existente no municipio e unha opción para os veciños e veciñas de Oleiros e dos concellos da comarca para formarse nesta especialidade.
O prazo de matriculación para o Ciclo Formativo ábrese o 25 de xuño. No caso de que a Xunta de Galicia non cambie a súa postura antes desa data e manteña o seu ataque contra o ensino público de Oleiros, as persoas interesadas en cursar este ciclo xa non poderían matricularse nesta especialidade da formación profesional.