Oleiros, 27 de xullo de 2011-. O Goberno local recibe mañá cara ás 21.15 horas unha expedición de 32 mozas e mozos italianos que participan nun intercambio cultural entre Oleiros e o municipio de Buccino. A recepción levarase a cabo no salón de plenos da Casa Charry, tras a conclusión do pleno ordinario convocado para as 20.00 horas.
A boa relación entre estes dous municipios remóntase a finais dos anos 80, coa preocupación común polo movemento asociativo, o respecto polo medio ambiente e a participación da mocidade na sociedade. Como froito desta relación emerxente xorde un primeiro intercambio xuvenil que se levou a cabo con éxito en 1999. Ademais, o verán pasado unha expedición de mozos e mozas oleirenses visitou Buccino. Con este novo intercambio, o Concello de Oleiros pretende recuperar un tipo de actividade cultural e educativa que permita aos rapaces e rapazas participantes un achegamento a outras realidades máis afastadas das propias.
Ao mesmo tempo, a actividade pretende fomentar a convivencia, o respecto mutuo e a responsabilidade, iniciando os participantes no coñecemento e a relación cunha cultura cuxo idioma non ten por que ser ningunha barreira, co seu compromiso coa natureza e promovendo actitudes de conservación, coidado e respecto do medio.
Durante os días de estancia en Oleiros, que se estenderán desde mañá ata o próximo catro de agosto, celebraranse días de festa, con todo tipo de actividades culturais, tradicionais e deportivas, dado que a utilización da cultura propia como motor social, económico e de participación xuvenil, é unha das preocupacións principais deste Concello.