Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Goberno local presenta os orzamentos xerais para o 2012

Oleiros, 31 de outubro de 2011-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane presentou esta mañá o documento co orzamento xeral para o próximo exercicio 2012. Este texto someterase a votación no pleno do próximo mércores día 2 de novembro. A proposta do Goberno local limita o gasto superfluo e fai fincapé naqueles investimentos destinados a cubrir as principais necesidades dos veciños como os servizos de carácter municipal, cultural, deportivo, educativo e social. O orzamento supera os 26 millóns de euros e redúcese un 6,56 por cento en relación ao último orzamento aprobado correspondente ao ano 2010 debido ao actual contexto socioeconómico. Trátase dun documento realista, equilibrado e que cumpre os criterios de estabilidade orzamentaria, segundo asegurou esta mañá a concelleira de Economía e Facenda, María José Varela, que compareceu xunto ao rexedor.

Entre os investimentos previstos para o próximo ano destacan dúas importantes obras condicionadas pola obtención de financiamento europeo a través dos fondos Feder e Agader aos que opta o Concello e que supoñen un investimento de 910.000 euros. Trátase da creación de 20 locais destinados a albergar despachos profesionais no novo viveiro de empresas e a creación dunha senda peonil que una a zona de Arenaza, en Iñás co Seixal.

En materia tecnolóxica destacan os 221.000 euros, o investimento que o Goberno local destina á implantación da última fase da administración electrónica no Concello, o que posibilitará que os veciños e as veciñas poidan realizar numerosos trámites municipais sen necesidade de desprazarse á Casa do Concello.

En relación ao mantemento de servizos de mantemento para a comunidade o alcalde sinalou que se destinan 330.000 euros á reposición de roturas na rede de saneamento e 220.000 euros á aplicación de medidas ditaminadas pola auditoría enerxética que permitirán un importante aforro do gasto enerxético.

Así mesmo, en urbanismo o Goberno local destinará 856.000 euros ao desenvolvemento de novas urbanizacións e 600.000 euros á execución dos novos campos de fútbol de Mera e Dorneda. García Seoane sinalou ademais que haberá un importante investimento en mellorar a seguridade viaria no municipio co desenvolvemento dun plan integral ao que se destinarán 150.000 euros.

back link