Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Goberno local logra que Portos de Galicia constrúa o muro de contención que precisa o porto d

Oleiros, 22 de abril de 2016-. Logo da xuntanza mantida esta mañá entre Portos de Galicia e o Concello de Oleiros, o organismo autonómico comprometeuse a construír un muro de contención na zona do porto de Santa Cruz na que se produciron os últimos desprendementos. O acordo tamén contempla a revisión por parte do Concello das infraestruturas públicas que se atopan na parte alta, pola que se accede á praia de Naval.

O alcalde de Oleiros reuniuse cos responsables de Portos de Galicia aos que lles explicou a problemática existente. Tras un achegamento de posturas, acordouse que Portos aborde a construción do muro de contención na parte baixa, na zona na que se produciron os últimos desprendementos. O noiro que reconstruirá Portos de Galicia é o que se atopa actualmente xunto ao posto de Salvamento e Socorrismo e que construíra o Concello de Oleiros no seu día. En próximas datas, os técnicos autonómicos poñeranse en contacto cos responsables municipais para iniciar as obras.

Respecto aos accesos ao porto de Lorbé, o alcalde aproveitou a xuntanza de hoxe para preguntar polo estado da contratación das obras de conexión coa Vía Ártabra. Os responsables de Portos de Galicia indicaron que agardan resolver canto antes o expediente administrativo de contratación dos traballos. García Seoane informounos que nunha recente reunión en Dexo e Lorbé, os veciños e mariñeiros demandaron ao Concello actuacións ante a Dirección Xeral de Portos para que se realizara a obra e que no caso de que non fora así, desprazaríanse ata Santiago para protestar ante a Xunta de Galicia. O alcalde agarda que isto non sexa preciso e as obras sexan contratadas nas próximas semanas.
 

back link