Oleiros, 19 de marzo de 2014-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, acompañado do concelleiro de Obras Públicas, Rodrigo López Piquín, reuniuse esta mañá co responsable da Demarcación de Estradas do Ministerio de Fomento para tratar as carencias de iluminación que sofre a N-VI ao seu paso polo municipio, especialmente en interseccións e travesías. A reunión desta mañá estaba motivada por un encontro anterior no que responsables da Demarcación desoíron as propostas do Goberno local para atopar solucións conxuntas a este problema tendo en conta debido á obrigación que o Ministerio ten de asumir a iluminación nas travesías urbanas e nós de comunicación das estradas estatais.
No encontro chegouse a un preacordo polo que ambas administracións asumirán distintas áreas de iluminación. Deste modo, Fomento comprometeuse a reparar e poñer en funcionamento os tramos que ata agora se atopan fóra de servizo. Especialmente todo o nó de comunicacións da ponte da Pasaxe ata a rotonda de Santa Cristina e as inmediacións da finca Rialeda, así como a intersección do Seixal. Pola súa banda o Concello asumirá o resto de zonas con algunhas excepcións. O dito acordo plasmarase nun convenio entre ambas administracións.
Rotonda no Carballo
Por outra parte na reunión tratouse a construción da futura rotonda que regulará o tráfico entre O Carballo e Iñás. O Ministerio comprometeuse a levar a cabo os traballos en breve prazo de tempo e ao longo do presente ano. A construción desta rotonda demandada en reiteradas ocasións polo Goberno local permitirá a eliminación dos semáforos do Carballo e solucionar en gran medida as retencións de tráfico que se producen nesta zona.