Oleiros, 19 de xuño de 2012-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, recordou esta mañá que é necesario pedir autorización ao departamento de Orde Pública do Concello para facer lumeiradas na noite de San Xoán. O alcalde destacou que non haberá problemas para recibir a autorización pero é necesario informar de que se realizará o lume por motivos de seguridade.
Así mesmo, referiuse á importancia de acatar as directrices que Protección Civil marcará para situar os lumes nos areais, sobre todo no de Bastiagueiro que é o máis solicitado pola mocidade para instalar as súas lumeiradas. «É necesario seguir as indicacións de Protección Civil para facilitar os labores de limpeza e permitir que as praias sexan usadas polos bañistas á mañá seguinte», sinalou. «Do contrario veriámonos obrigados a pechar a praia por motivos de seguridade para evitar que alguén poida resultar ferido cun vidro roto ou unha punta dun madeiro queimado», concluíu.