Oleiros, 2 de maio de 2013-. O Goberno local de Oleiros estará presente na marcha en defensa do ensino público que se celebra este domingo a partir das 17.00 horas. Esta concentración será unha marcha verde e encontro lúdico-reivindicativo en defensa da Escola Pública que partirá do IES María Casares, en Bastiagueiro, e chegará ata o parque José Martí en Santa Cristina, onde haberá música, xogos e mesas informativas ata as 20:00 h.
A Plataforma en Defensa do Ensino público coa que colabora o Concello de Oleiros considera que a LOMCE ten como propósito crear cidadáns empregables e capaces de competir no libre mercado. Esta lei equipara os centros educativos con empresas. Prima a competitividade e a xestión de recursos materiais e financeiros por riba de aspectos pedagóxicos e culturais. Ademais, entende o labor de educar como unha competencia entre centros educativos. Así mesmo, utilízase o alumnado de FP en prácticas como man de obra gratuíta, mediante a chamada formación profesional dual e obriga a educar para pasar unha proba e non para formar persoas.
Así mesmo esta reforma blinda os concertos para colexios que segregan por sexo e é unha lei elitista que segrega e expulsa de forma temperá o alumnado con dificultades de aprendizaxe, recorrendo ao “talento”, xa que pretende a segregación temperá do alumnado, adiantando a elección de itinerario etiquétase aos centros educativos creando diferenzas de calidade.
O Goberno local de Oleiros seguirá a apoiar todas as iniciativas que partan da comunicade escolar para facer fronte a esta reforma ideada polo Goberno do Estado que vai en prexuízo dos nosos fillos e fillas e da súa formación como persoas.