Oleiros, 4 de novembro de 2011-. O Goberno local do Concello de Oleiros condena o secuestro dos catro cooperantes españois raptados nas últimas semanas, dous no campos de Tinduf, en Alxeria xunto cunha cooperante italiana, e dous no campamento de refuxiados Dadaab, en kenia. O executivo local esixe a inmediata liberación e posta en liberdade destes traballadores evitando que reciban dano algún e preservando a súa seguridade ata que regresen a casa. Así mesmo, o Goberno local de Oleiros quere solidarizarse coas familias e amigos de Enric, Ainhoa, Montserrat e Blanca, quen nestes días viven momentos difíciles e angustiosos pola situación dos seus seres queridos.
Ademais, o Goberno local de Oleiros esixe ao Goberno de España, á Unión Europea e aos organismos internacionais competentes que non escatimen esforzos nos traballos de investigación e mediación para lograr a inmediata libración destes cooperantes e esclarecer o sucedido en Rabuni e Dabaad. O Goberno local quere recordar que estes actos terroristas sucederon en dous campo de refuxiados froito de dous conflitos bélicos que se perpetúan no tempo como a guerra en Somalia e no Sahara Occidental coa pasividade da comunidade internacional.
Para rematar, o Goberno local quere mostrar o seu recoñecemento aos miles de españois e cidadáns do mundo que desenvolven o seu traballo como cooperantes internacionais en diversos lugares do noso planeta, labor imposible de desenvolver sen os valores de solidariedade, ética e honradez e o compromiso social e a valentía que este goberno comparte e intenta transmitir a través das súas políticas.