Oleiros, 19 de xaneiro de 2016-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, mantivo unha reunión esta mañá co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para tratar diversos asuntos. A xuntanza, que xa fora solicitada meses atrás, supuxo “compromisos moi importantes” para poñer en marcha obras que a Xunta de Galicia tiña paralizadas desde hai anos no Concello de Oleiros.
Entre outros compromisos, o rexedor oleirense conseguiu que a Xunta contrate e realice as obras de conexión da vía Ártabra co Porto de Lorbé este mesmo ano. Ademais do asfaltado dese tramo en Lorbé, o alcalde tamén conseguiu a confirmación de que a construción do tanque de tormentas se acometerá nos próximos meses. A obra, que eliminaría os episodios puntuais de contaminación que se producen en Santa Cruz nos días de precipitacións fortes, custa 3,5 millóns de euros dos cales a Unión Europea financia o 80% e a Xunta o 20% restante.
Outra actuación que a administración autonómica ten pendente en Oleiros é a construción da rotonda no centro de Santa Cruz, na confluencia entre a rúa Concepción Arenal e a avenida Emilia Pardo Bazán. “Levamos desde 2011 agardando a que abordaran esta obra e chegamos ao acordo de que lle cederemos os terreos –serán propiedade municipal a partir do vindeiro 26 de xaneiro- necesarios á Xunta e lle entregaremos o proxecto para que o realicen canto antes”, declarou García Seoane.
O alcalde de Oleiros tamén puxo enriba da mesa a conexión da vía Ártabra coa AP-9. Aínda que está prevista unha nova xuntanza cos alcaldes da comarca para tratar o asunto, o proxecto que está a redactar a Xunta é moito máis caro que o proposto polos concellos e incluiría unha peaxe. “O proxecto que propoñemos os alcaldes custa a metade e é gratuíto, sen peaxes. Hai que pararlle os pés a Autopistas do Atlántico e tomar medidas en favor da cidadanía e non das empresas que só teñen un afán especulativo”, dixo o Ángel García Seoane.