Oleiros, 29 de xuño de 2016-. Mañá xoves ás 20:00 horas a Casa Charry acollerá o pleno ordinario do mes de xuño do Concello de Oleiros. Entre outros asuntos, o Goberno local aprobará unha proposta na que se lle demanda á Xunta de Galicia que facilite a participación dos concellos da comarca na elaboración dos traballos previos para a adxudicación das novas concesións de transporte público interurbano e poder satisfacer así as demandas da poboación.
O transporte público que existe na actualidade resulta insuficiente e insatisfactorio: os percorridos resultan excesivamente longos e os itinerarios, horarios e frecuencias nin son os máis axeitados, nin se adaptan ás necesidades actuais de mobilidade dos cidadáns. É por iso que o Goberno aposta pola creación dunha comisión de seguemento para garantir a participación dos municipios e a coordinación entre a elaboración de pregos de condicións das novas concesións cos traballos que sobre mobilidade urbana formulen os Concellos.
Por outra banda, ante a escalada intolerable do crecemento das listas de agarda que fai que moitos galegos e galegas teñan que agardar meses para consultas, probas diagnósticas e operacións cirúrxicas, o Goberno municipal vai aprobar unha moción na que se lle esixe ao Goberno autonómico que poña todos os recursos dispoñibles para atender as necesidades completas das e dos doentes galegos.
Outros dos asuntos que quedarán resoltos na sesión de mañá será a concesión de dúas subvencións, que suman 9.000 euros, e que están destinadas aos dous clubs de remo do municipio. O obxecto da axuda é colaborar co Club de Regatas Perillo e co Centro Deportivo Mariñeiro de Mera na organización das súas regatas e no reparto de premios económicos destas probas deportivas que ascenden no seu conxunto a 15.000 euros.
Tamén quedarán aprobados os 19 proxectos con cargo ao superávit do exercicio do 2015 que suman 1,2 millóns de euros, o Plan de Medio Ambiente da Deputación da Coruña polo que o Concello de Oleiros recibirá unha subvención de 38.154,09 euros para acometer melloras na eficiencia enerxética das luminarias públicas, o estudo de detalle do Polígono 5 na rúa Curros Enríquez de Mera e o Regulamento Municipal de Acción Voluntaria.