Oleiros, 06 de outubro de 2016-. O Goberno Municipal do Concello de Oleiros apoia o cadro de persoal de EXTEL nas súas reivindicacións ante o ERE inxustificado que deixará sen emprego a 205 familias. No día de hoxe o persoal está levando a cabo unha xornada de folga que está a ter un seguimento de practicamente o 100%. Ademais, está convocada unha gran manifestación que sairá ás 20:00 hora da rúa Ramón y Cajal (fronte ao Corte Inglés) e que rematará na praza Pontevedra.
Moitas familias veciñas de Oleiros quedarán sen emprego debido á difícil situación pola que están a pasar os traballadores e traballadoras neste país, que están a sufrir con máis forza a crise e a precariedade laboral, polo que desde o Goberno Municipal do Concello de Oleiros teñen todo o apoio nas súas reivindicacións.
EXTEL, empresa filial de Adecco, que presta servizos como centro de atención telefónica para Movistar, presentou un ERE alegando causas produtivas e de organización, que afectará a 355 empregados de toda España, a maior parte, 205, no centro de traballo da Coruña. Un call center con carga de traballo moi alta, permanente e estable, que non xustifica de ningunha maneira a medida que se quere tomar por parte da empresa.
A única intencionalidade que existe tras este ERE é o de botar fóra á gran maioría do persoal para, máis adiante, volver a contratar a outras persoas en peores condicións laborais, a través de empresas de traballo temporal, con contratos eventuais e salarios máis baixos.
A reforma laboral aprobada no Goberno de España permite esta serie de atropelos ao persoal, precarizando cada vez máis a clase traballadora e facilitando, á vez, a maximización dos beneficios por parte das multinacionais que logo serven retiros dourados aos que fixeron esas leis.