Oleiros, 12 de novembro de 2010-. O Concello de Oleiros, ante a grave situación que se pode chegar a crear a un significativo grupo de familias con fillos en idade escolar que corren o risco de verse privados dunha praza educativa o próximo curso, e ante a desinformación e terxiversación destes feitos que está levando a cabo o Partido Popular de Oleiros co único obxectivo de encubrir a incapacidade de xestión da Consellería de Educación, desde a cal se está realizando unha política estritamente sectaria e partidista que non ten para nada en conta as necesidades reais do conxunto de municipios da comunidade autónoma, informa de que no pleno celebrado o pasado 25 de marzo de 2010 aprobouse, coa única abstención do grupo municipal do BNG, a cesión á Xunta dunha parcela de 8.100 metros cadrados para a construción dun colexio de educación primaria na parcela de Nós.
Este solo fora demandado por parte da Xunta para poder contratar a redacción do proxecto construtivo, para o cal dispuxo nos orzamentos deste ano de 150.000 euros. Con posterioridade, o Goberno municipal acordou incrementar o número de metros cadrados cedidos desta parcela incluída no Plan xeral como solo de dotación educativa ata un total de 11.496 metros cadrados. É dicir, o dobre de metros que o Goberno autonómico necesita para facer un colexio.
Ademais, este solo conta cun acceso directo desde a rúa Alexandre Bóveda, que conta con todos os servizos necesarios para albergar este centro escolar. O Goberno municipal investiu na adquisición deste solo 300.000 euros e foi necesario recorrer a un crédito para que a Xunta fixese realidade este colexio no próximo ano.
Para intentar xustificar a non construción ao longo do próximo exercicio deste centro escolar por unha suposta falta de recursos económicos da Xunta, nun escrito dirixido á Alcaldía de Concello de Oleiros e asinado por un técnico da Consellería, argumentábase por parte do Goberno autonómico que se entregaban 3.396 metros cadrados de máis e que a rúa que dá acceso á parcela non contaba coas dimensións necesarias para que manobrase o transporte escolar. Ademais nesta comunicación sinálase que unha zona desta parcela conta cun muro de peche perimetral, que en realidade non existe neste tramo, e facíase alusión á protección patrimonial do terreo e esixe explicacións ao concello sobre a catalogación da finca, a cal vén reflectida no Plan xeral, que conta coa supervisión e aprobación definitiva da Xunta, como educativa.
O PP vai ter que buscar outros argumentos para xustificar a non construción dun colexio en Oleiros e que xa o próximo curso afectará a centos de nenos e nenas do municipio.
ARQUIVOS:
- Plano de situación da parcela
- Plano da parcela
- Certificado da Secretaría Municipal
- Acta co acordo da compra da parcela (parte1)
- Acta co acordo da compra da parcela (partete 2)
- Acta co acordo da compra da parcela (parte 3)
- Notificación da Xunta coa denengación de edificación do colexio (parte 1)
- Notificación da Xunta coa denengación de edificación do colexio (parte2)