Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Goberno aproba unha modificación puntual do PXOM e o proxecto do aparcamento de Bastiagueiro

Oleiros, 29 de xaneiro de 2015-. O Goberno municipal de Oleiros aprobou no pleno celebrado onte unha modificación do PXOM dos usos das parcelas de equipamento da Urbanización Mesón da Auga e o proxecto para a creación dun aparcamento nas proximidades da praia de Bastiagueiro. Tamén quedou aprobada a moción de apoio aos traballadores da empresa Airbus que se enfrontan a un xuízo nos próximos por exercer o seu dereito á folga.
 
A urbanización Mesón da Auga promovida por XESTUR GALICIA, foi obxecto de plan parcial anulado xudicialmente cando o desenvolvemento urbanístico estaba xa executado, non así o proxecto de reparcelación nin o proxecto de urbanización do desenvolvemento do ámbito. O ámbito foi incorporado ao PXOM aprobado por Orde de 11.03.2009, como solo urbano consolidado ordenanza 7B, non obstante grafiouse mal en planos as parcelas de equipamento, as cales non se corresponden co documento e escritura do proxecto de reparcelación. Detectado o erro polos técnicos municipais propúxose súa corrección no documento de cumprimentación da Orde de 11.03.2009, non obstante a Consellería considerou que debía ser obxecto dunha modificación puntual, que quedou aprobada nesta sesión plenaria.

Pronto será realidade o aparcamento nas inmediacións da praia de Bastiagueiro, na rúa das Anguías. Ao entender do Goberno local ese terreo non se está a utilizar de xeito eficiente polo que se considera necesaria a súa ordenación. O acordo plenario inclúe a solicitude dunha axuda de 80.000 euros á Deputación para levar a cabo o proxecto, que ten un custo total de 140.000 euros.

Tamén foi aprobada a moción presentada polo grupo de Goberno para manifestar  o compromiso da corporación na defensa do dereito de folga e o resto dos dereitos dos traballadores e traballadoras, así como a liberdade de expresión da cidadanía. No texto presentado polo executivo municipal tamén se expresa o apoio aos oito sindicalistas de AIRBUS que  nos próximos días se enfrontan a un xuízo acusados dun delito contra os dereitos dos traballadores e traballadoras polo exercicio do seu dereito á folga.

Antes de finalizar o pleno, a concelleira do grupo socialista Laura Rodríguez Sastre deu conta da súa dimisión e explicou os motivos da súa marcha.

back link