Hemeroteca

Asset Publisher

Back O fotoxornalista Felipe Carnotto gaña o concurso ¿Imaxes con Fondo¿ retratando a pesca artesana

Oleiros, 9 de decembro de 2014.- O fotoxornalista Felipe Carnotto foi elixido como gañador da segunda edición do concurso de fotografía ‘Imaxes con Fondo’, convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que forma parte o Concello de Oleiros. Unha instantánea sobre a pesca artesanal, acompañada dun ‘tweet’ en defensa desta actividade sostible, mereceulle ao autor de orixe brasileira afincado en Vigo unha viaxe a Nicaragua para realizar un traballo fotográfico sobre os proxectos apoiados pola entidade organizadora. 

 
Reflexionar sobre a nosa responsabilidade na construción dun mundo máis xusto era o principal obxectivo deste certame, que no apartado para persoas adultas levaba o lema ‘Cambia, reivindica e constrúe’. Manuel Costa (Moaña) obtivo o segundo posto cunha enxeñosa obra sobre a pobreza mentres que Borja Blanco (Ferrol) denunciaba no traballo que quedou terceiro o baixo prezo que cobra quen produce os alimentos. 
 
En categoría xuvenil, a moza vilagarciá María Goretti foi elixida gañadora cunha imaxe a prol da solidariedade. ‘A solidariedade dá sentido ás nosas vidas’ era o enunciado da categoría xuvenil, na que a ferrolá Laura Díaz Martínez acadou o segundo premio cunha crítica á contaminación dos mares e a oleirense María Rodríguez Vila ficou co terceiro. Os segundos postos estaban dotados cunha cesta de produtos de comercio xusto e os terceiros cun lote de películas de temática social.
Un total de 95 fotografías presentadas por 58 participantes -44 na categoría adulta e 14 na xuvenil- concorreron á segunda edición do concurso ‘Imaxes con Fondo’, que se pechou o pasado 15 de novembro. A continuación, abriuse un período para que as seguidoras e seguidores do Fondo Galego en Facebook puidesen votar as imaxes. As quince obras mellor valoradas en cada sección foron logo avaliadas polo xurado, conformado por María Jesús González e Esther López, vogais da Comisión Executiva do Fondo Galego polo Concello de Cambre e pola Deputación de Lugo, respectivamente; Helena Capera, representante da Coordinadora Galega de ONGD, e polos fotoxornalistas Rober Amado e Marcos Míguez. O xurado valorou non só as imaxes presentadas, senón tamén a pertinencia das mensaxes de 140 carácteres como máximo que debían acompañalas.
As persoas gañadoras e as demais premiadas recollerán os galardóns mañá mércores en Vigo, no acto que terá lugar ás 12.00 horas dentro das IX Xornadas de Cooperación, que se celebran na Casa Galega da Cultura coincidindo co Día Internacional dos Dereitos Humanos. Baixo o título ‘#Alén2015: Os Obxectivos do Milenio, fin e principios’, o encontro reunirá a especialistas internacionais de entidades como a ONU ou a Unión Mundial de Gobernos Locais para debater sobre a futura folla de ruta da cooperación ao desenvolvemento.
 
back link