Oleiros, 11 de febreiro de 2014-. O escritor e xornalista Manuel Rivas manterá mañá dous encontros literarios con alumnado de 3º e 4º curso de ensinanza primaria dos centros de ensino público de Oleiros. A iniciativa do Concello de Oleiros levarase a cabo, no auditorio da Fábrica e xirará arredor da súa obra O raposo e a mestra. Ás 9:30 horas participarán 148 alumnos e 7 profesores do CEIP A Rabadeira de Oleiros, mentres que ás 11.30 horas participarán 100 escolares e 8 docentes do CEIP Isidro Parga Pondal de Santa Cruz e 57 rapaces e 3 profesores do CEIP Luís Seoane de Mera.
O raposo e a mestra é unha fermosa e simpática obra escrita por Manuel Rivas, con ilustracións de Jacobo Fernández Serrano e publicada pola editorial Xerais, que nos fala dun raposo solitario chamado Pindo, que durmía todo o día nun leito de plumas, na súa cova da beiramar e soñaba que era un raposo voador. Esta magnífica lectura e excelente obra achegará aos nenos e nenas á natureza, ao mesmo tempo que é unha homenaxe ao Monte Pindo e tamén ás mestras e mestres.