Oleiros, 28 de marzo de 2011-. O Consello Consultivo da Xunta de Galicia, órgano composto por seis xuíces, estimou a reclamación presentada polo alcalde, Ángel García Seoane, en relación á demolición parcial da súa vivenda e os graves danos e perdas que esta lle provocou. A reclamación queda definida integramente nas consideracións quinta e sexta da resolución, nas que se recoñece a responsabilidade das administracións por un erro nos planos e se exonera de calquera responsabilidade a García Seoane, como xa o fixera o Tribunal Superior de Xustiza en 2009. Ademais, o Consello Consultivo arremete contra a Administración estatal ao considerar que esta tivo «un funcionamento deficiente» por non detectar grafiado erróneo das liñas de servidume que induciron ao erro, e contra a Xunta de Galicia, por non advertir o fallo nunha zona unicamente da súa competencia.
O ditame sinala que a indemnización debe comprender a totalidade dos danos e prerdas causados a García Seoane, que ascenden a un total de 58.813,62 euros. Deste xeito queda demostrada unha vez máis o bo facer do alcalde, quen foi vítima dunha campaña difamatoria que se remonta ao ano 2007 e que estivo orquestrada por algúns grupos da oposición. O acoso e derriba ao que foi sometida a figura de García Seoane pretendía desprestixiar a súa honorabilidade e a súa xestión á fronte do Concello. «Afortunadamente, o tempo pon a cada un no seu lugar. Os feitos son irrefutables, en Oleiros só fai falta saír á rúa para saber quen son honrados e traballan polo seu pobo e quen non», sinalou esta mañá o rexedor.