Oleiros, 16 de novembro de 2021-. O Concello de Oleiros esixe novamente á Xunta investimentos na mellora da rede viaria para garantir a seguridade dos milleiros de peóns que transitan ao longo das estradas de titularidade autonómica que hai en Oleiros. Neste sentido, son moitas as demandas realizadas e, ante a desidia da Xunta, o Concello foi resolvendo os problemas en moitos casos.
É urxente crear pasos de peóns nos centros urbanos, tal e como están a demandar os veciños e veciñas de Dorneda. Igualmente, a Xunta debe realizar en prazo inmediato as obras de construción de beirarrúas naquelas estradas autonómicas que non existen.
A estrada da costa, desde Fontán ata Perillo, incrementou considerablemente o tráfico dado que os condutores a utilizan para escapar das obras da N-VI. Non se pode agardar a que aconteza unha desgraza para tomar medidas.