Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello tritura todos os restos de podas para reutilizar en zonas verdes e xardíns

Imagen O Concello tritura todos os restos de podas para reutilizar en zonas verdes e xardíns

O Concello de Oleiros está a empregar un camión integrado con grúa e trituradora, especializado no tratamento de importantes masas de madeira, para esnaquizar os restos de madeira acumulados en 2025 froito das podas ou cortas de arboredo e arbustos de zonas verdes ou vías de xestión municipal. Desta maneira, sen necesidade de máis medios mecánicos, aprovéitase para a creación de elementos naturais para a reutilización nos propios espazos verdes.

O material utilízase posteriormente para a cobertura de macizos e escavas co fin de evitar a competencia das “malas herbas”, manter a humidade do terreo en verán, facilitar os labores de mantemento e ofrecer un aspecto saudable ás árbores e masas vexetais ornamentais. Entre outros lugares, utilízanse no Parque Rosalía Mera, na avenida de Santa Cristina, nas zonas verdes de Mesón da Auga, rúa Yassir Arafat... 

Esta actuación permite aforrar custos ao Concello dado que se eliminan os gastos de transporte da madeira e de compra de cobertoiras e cortiza trituradas. Ademais, libérase espazo da nave de Servizos Municipais, onde se pasa a dispoñer dun punto de acumulación deste material, que coincide co punto de partida dos equipos de xardinería e transporte.

A acción supón unha aposta pola economía circular e a ecoxestión destes elementos, que pasan de ser considerados “residuos” a converterse en elementos básicos dun axeitado tratamento vexetal dos espazos verdes, nos que se consegue maior riqueza biolóxica e un comportamento máis axeitado co ecosistema de cada un dos espazos.

Con pasos coma este, o verde urbano de Oleiros reforza a súa aposta polos métodos de xestión máis naturais e razoables, aforrando recursos, reducindo ao mínimo os traslados e empregando os mínimos elementos químicos e tecnolóxicos para realizar unha xestión intelixente da nosa gran cantidade de espazos verdes.