Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello tramita a solicitude de subvención para levar a cabo os proxectos presentados ao ple

Oleiros, 31 de marzo de 2011-. O pleno municipal celebrado o pasado luns deu luz verde á proposta do grupo de Goberno de Alternativa dos Veciños para solicitar financiamento para levar a cabo un proxecto de desenvolvemento local mediante fondos europeos Feder. Este proxecto, que ten un importe total de 2.192.928,24 euros, inclúe tres importantes obras e foi tramitado esta mañá. A partir deste momento o Goberno central dispón de tres meses para responder á solicitude, de modo que no segundo semestre do ano, en caso de ser aprobado, poderían iniciarse as obras.

A primeira destas tres importantes obras é a implantación de novas tecnoloxías para o aforro enerxético e a mellora da calidade medioambiental na iluminación pública municipal. Isto conseguirase cun investimento de 732.736,38 euros,  mediante a instalación de reloxos astronómicos, redutores de fluxo, substitución de lámpadas por outras máis eficientes, instalación de condensadores para eliminar enerxías reactivas e eliminación de globos contaminantes. A actuación permitirá reducir a factura eléctrica e tamén a emisión de gases de efecto invernadoiro, e trátase dunha proposta emanada da recentemente realizada Auditoría Enerxética Municipal.

A segunda das actuacións consiste na posta en marcha do Viveiro Municipal de Empresas situado no polígono de Iñás. Nesta nave que está en construción prevense locais para aluguer a industriais e comerciais e a actuación que se pretende financiar cos fondos Feder é a habilitación interior de dous destes locais para recepción, servizos comunitarios de todas as naves e a creación de despachos e salas para emprendedores. Esta actuación ten un importe previsto de 790.971,20 euros.

A terceira das actuacións consiste na mellora da accesibilidade no núcleo de Santa Cristina, coa renovación dos pavimentos peonís de toda a Avenida de Santa Cristina, ampliación da iluminación das beirarrúas con tecnoloxía LED, a eliminación de barreiras e a mellora dos pasos de peóns do resto das rúas, asícomo o soterramento de liñas aéreas. Este proxecto ten un importe total de 669.220,66 euros.

back link