Oleiros, 1 de decembro de 2015-. Ante os estragos que están a provocar nas beirarrúas os plátanos existentes na urbanización O Seixo, o Concello de Oleiros substituirá esas árbores por uns pradairos. Deste xeito, preténdese facilitar unha mellor conservación das rúas desta urbanización.
Os pradairos son facilmente distinguibles polas súas follas opostas. Os seus froitos nacen en parellas unidas, chamados sámaras, que, ao desprenderse, van virando movidos polo vento espallando as sementes a considerable distancia, polo que adoitan coñecerse como «árbores de helicópteros».
Os pradairos florecen a finais de inverno ou principios da primavera, na maioría das especies á vez que aparecen as follas ou xusto despois, nalgunhas ata antes destas. Os espécimes deste xénero son unha importante fonte de pole e néctar a principios de primavera para as abellas e un recurso alimenticio para as larvas de varias especies de lepidópteros.