Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello solicita que se restitúa o xiro á esquerda e os semáforos na intersección de Sol y M

Oleiros, 15 de novembro de 2018-. Ante a falta dun compromiso por parte do Ministerio de Fomento para contratar a obra do túnel de Sol y Mar en 2018, o Concello de Oleiros solicitou á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia a restitución de forma inmediata dos xiros á esquerda do cruzamento do Sol y Mar, así como da rede semafórica. Centos de cidadáns e cidadás están a verse prexudicados pola imposibilidade de incorporarse á N-VI -dirección Madrid- desde a rúa do Areal, tendo que desprazarse ata o outro lado da ponte da Pasaxe para facer o xiro.

O Concello non solicitou antes a restitución da intersección ao seu estado orixinal dado que existía un compromiso por parte do Ministerio de Fomento de proceder á adxudicación das obras do túnel e da rotonda en superficie neste ano 2018. Porén, esta semana o Ministerio de Fomento informou que non vai contratar a obra en 2018 e que non existe ningunha previsión temporal para facelo máis adiante.

Hai máis dun ano, como consecuencia das obras levadas a cabo pola Xunta de Galicia na avenida Ernesto Che Guevara -que provocaron cortes de tráfico nesa estrada- foi necesario desviar os vehículos cara ao cruzamento de Sol y Mar, para o que se eliminaron os semáforos existentes co fin de mellorar a fluidez e non entorpecer o tráfico nese punto. Numerosos veciños e veciñas residentes na zona, así como as persoas usuarias da estrada que se dirixe a Sada, foron prexudicadas ao ter que percorrer distancias maiores para chegar aos seus destinos. Ademais, residentes de Perillo están a ver como as súas rúas son empregadas como atallos por centos de vehículos.

Tratábase dunha medida provisional que estaba previsto manter ata o inicio da construción do túnel. Pero cos traballos na avenida Ernesto Che Guevara rematados desde hai meses e sen previsión temporal para a contratación da obra do Ministerio de Fomento, o Concello de Oleiros considera que non se pode seguir prexudicando durante máis tempo aos cidadáns e cidadás desta zona.

“Vanse perder os 4 millóns que había para este ano e os 6 que estaban para o 2019. Agora haberá que agardar aos orzamentos do ano 2019, que veremos se os aproban. No mellor dos casos, ata dentro dun ano, non estaría contratada a obra, polo que non estamos dispostos a que os veciños de Oleiros e Perillo teñan que ir dar volta ao outro lado da ponte para acceder ás súas casas”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.

back link