Oleiros, 1 de xullo de 2013-. O Concello de Oleiros solicita á Xunta de Galicia a declaración da sardiñada das Festas do Carme de Mera como Festa de interese turístico de Galicia. O goberno local destaca a singularidade desta celebración que conta con moitas particularidades e que é un acto representativo da riqueza social e do tecido asociativo nas parroquias de Serante e Maianca, xa que desde hai xa case que 50 anos con motivo da celebración das Festas do Carme, como Virxe e Patroa dos Mariñeiros, na localidade desenvólvese esta fermosa festa, ao redor do 16 de xullo, que é organizada directamente por unha comisión veciñal.
Nestes últimos anos a Asociación Cultural, Deportiva, Recreativa e Veciñal O Carme de Mera, integrada, principalmente por mocidade da localidade que mantendo as tradicións e conxugando novas actividades acadaron dar un novo pulo a estas festas. Dentro dos diferentes actos, tanto lúdicos como relixiosos, que ao longo de varios días se desenvolven para conmemorar “O Carme”, destaca, dun xeito moi especial a sardiñada que se celebra na praia e coa que se da comezo ás Festas.
Esta sardiñada acolle a milleiros de persoas que antes da entrada da noite xa se achegan á praia para ir preparando o seu espazo e onde a partires das 21 horas comezan a asar as sardiñas que a comisión organizadora pon a disposición dos participantes a prezos axeitados. As familias e todas as persoas que se achegan a Mera neste día gozan asando eles mesmos as sardiñas e compartindo cos amigos unha noite que semella ao San Xoán. É unha cita obrigada para veciños e veraneantes, pola súa singularidade e pola fermosura de ver a praia ateigada de persoas e de lumeiradas ata ben entrada a madrugada. A cifra de participantes neste evento achegouse nestes últimos anos a 20.000 persoas.