Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello rompe unha vez máis o bloqueo contra Cuba que recibe un novo contedor con material escolar e sanitario

Ademais da campaña permanente de denuncia política do bloqueo, o Concello realizou un novo envío de material educativo e sanitario á illa que acaba de ser recibido en La Habana. En concreto foi entregado á Institución Religiosa Quisicuaba que o repartirá en diversos centros hospitalarios e en 5 escolas de primaria e un círculo infantil (Domingo Lence Novo, José Martí Pérez, Alejandro González Brito, Livia Goberneur e Círculo Infantil " El Zunzun"), na provincia de Artemisa.
 

Tamén chegará a Cuba nas próximas semanas un segundo contedor enviado polo Concello de Oleiros. Neste caso tratarase principalmente de material sanitario, para o que foi determinante as doazóns recibidas pola ONG Solidariedade Galega, así como por outras entidades.

O envío destes 2 novos contedores é o resultado da campaña permanente do Goberno municipal en apoio ao pobo cubano, que contou coa participación non só de varias ONG, senón tamén de numerosos veciños e veciñas. Este programa de cooperación verase incrementado economicamente polas doazóns que calquera cidadán pode realizar á conta solidaria permanente do Concello de Oleiros (ES12-2080-0064-9830-4001-1138).

O que hoxe vive o pobo cubano non é unha crise económica por falta de recursos, é un asasinato lento e calculado executado polos Estados Unidos. O bloqueo total decretado por Donald Trump é unha prohibición deliberada que impide a chegada de medicamentos básicos, fármacos para o corazón, a diabetes, a presión arterial… ou que pon en risco a vida de nenos acabados de nacer pola falta de combustible para as incubadoras.

Porque o bloqueo non só afecta ao petróleo e aos combustibles, senón que persegue barcos con alimentos e medicinas, bloquea transaccións bancarias e sanciona a calquera empresa que intente vender arroz, leite ou carne a Cuba. Esa política, sostida durante 60 anos e recruada nos últimos meses, é definida pola propia poboación cubana como "terrorismo con fame".

No ámbito sanitario, a situación é crítica. A pesar de que Cuba foi quen de crear cinco vacinas contra a COVID-19 sen axuda externa, o bloqueo impide agora o acceso a xiringas, anestesia ou repostos para equipos de raios X. O talento científico cubano vese asfixiado por un imperio que castiga os seus logros.
 

back link