Oleiros, 2 de decembro de 2016-. O Concello de Oleiros, ante o grave perigo existente para os cidadáns, procederá a retirar os cables pendurados da fachada de dúas casas que se atopan demolidas parcialmente no centro de Oleiros. As vivendas, que só conservan a fachada, non puideron ser derruídas por completo xa que Gas Natural está a incumprir a lei ao non soterrar os cables que se atopan pendurados da fronte dos edificios.
Debido a que só se atopan en pé as fachadas, a situación provoca un serio risco de derrubamento sobre a beirarrúa. Unha fiestra xa caeu sobre a vía pública e outras dúas están a piques de correr a mesma sorte. Dada a urxencia da actuación, o Concello de Oleiros retirará os cables e lle liquidará a actuación á compañía eléctrica. “A seguridade cidadá é unha responsabilidade que temos e, neste caso, non podemos agardar máis”, dixo o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.
As dúas vivendas afectadas por este asunto atópanse na avenida Francisca Herrera, xusto en fronte das oficinas municipais de Obras Públicas. A demolición leva semanas paralizada debido aos diversos atrancos postos por parte Gas Natural Fenosa. A compañía eléctrica está obrigada a retirar e soterrar os cables que se atopan pendurados da fachada e que impiden rematar o derrubamento das vivendas. Ademais de non realizar ese traballo, ao que está obrigada por lei por ser unha zona urbana, pretendía cobrarlle 11.700 euros ao propietario do edificio por facelo.