Oleiros, 12 de maio de 2016-. O Goberno local, atendendo á petición da Asociación de Veciños Santaia, procederá á retirada da placa existente no Castelo de Santa Cruz referida ao ex Ministro de Medio Ambiente Jaume Matas. O dirixente do Partido Popular foi condenado pola xustiza a 6 anos de cárcere por cometer un total de 12 delitos, aínda que só cumpriu 3 meses de prisión.
Na etapa na que Matas ocupou o Ministerio de Medio Ambiente, baixo a presidencia de José María Aznar, o Concello de Oleiros levou a cabo varias obras no litoral do municipio. Entre esas actuacións estiveron tamén as realizadas no contorno do Castelo de Santa Cruz. “El puxo alí unha placa para dicir que aquelo se fixera desde o seu Ministerio, cando todo o traballo o fixera realmente o Concello”, explicou o alcalde.
O Goberno municipal enviará nos vindeiros días un documento á Dirección Xeral de Costas para informar da retirada desta placa dun dos lugares máis emblemáticos de Oleiros.