Oleiros, 15 de decembro de 2015-. As Bibliotecas Municipais de Oleiros elaboraron para este Nadal unha guía titulada "De libros e ilusións", formada por 260 recomendacións de libros, DVD e CD. Esta selección foi creada cun dobre obxectivo: mostrar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visión e lembrar que un libro, un CD, ou un DVD son tamén un bo agasallo. A publicación repartirase ao alumnado de ensinanza primaria dos centros de ensino público, así como nas bibliotecas municipais.
Esta escolla foi realizada por todo o persoal das bibliotecas, polo que nela poderán atopar publicacións moi diversas. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades. Boas historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas ou discos para gozar e compartir. Son 260 libros, CDs e DVDs que temos nas bibliotecas e que poden levar en préstamo para as súas casas.
Os libros figuran clasificados por idades, para as que se considera que son máis axeitados. A idade para a que se recomenda cada obra é só de forma orientativa, xa que cada nena ou neno ten un grado de desenvolvemento mental que se debe respectar.
Animamos a todas as persoas que vaian facer algún regalo por estas datas de Nadal ou Reis, a que obsequien aos seus seres queridos cun libro, ao mesmo tempo que lles lembramos da importancia da lectura na formación integral da persoa. A facultade lectora non é innata, vaise adquirindo pouco a pouco, por este motivo gustaríanos espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura dun bo libro.