Oleiros, 16 de abril de 2020-. Entre doazóns de empresas privadas e entregas por parte da Xunta e do Estado, o Concello leva recibido 7.850 mascarillas. Estas reparticións realízanse seguindo os procedementos establecidos polas administracións centrais e autonómicas.
Todo o persoal municipal está dotado de mascarillas para desempeñar o seu traballo con seguridade. Ademais distribuíronse importantes cantidades nos centros de saúde e nas residencias de maiores. No caso do persoal dos establecementos comerciais máis pequenos que permanecen abertos e das gasolineiras entregáronse mascarillas e pantallas protectoras. Tamén se está a repartir este material en controis policiais de estrada para poder chegar así aos veciños e veciñas do municipio que teñen que saír dos seus domicilios.
A Xunta de Galicia e o Goberno do Estado están a canalizar o reparto de mascarillas e equipos de protección entre os municipios. Os decretos do Goberno central impiden aos concellos actuar por libre. Para superar esta situación canto antes a colaboración entre as distintas administracións é imprescindible.