Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello renova o convenio do transporte ante o firme compromiso da Xunta de atender as melloras reclamadas

Ante o firme compromiso da Xunta de Galicia de atender as demandas realizadas polo Concello en canto ao servizo de transporte público, o alcalde asinou a prórroga do actual convenio mediante o que o Concello de Oleiros financia o 20% do importe dos billetes. De non ser atendidas esas peticións ao longo do primeiro semestre do 2025, o Concello sairíase do convenio.
 

A principal reclamación é a mellora da capacidade do servizo en horas punta, tal e como levan meses denunciando as persoas usuarias. Nomeadamente, as liñas que deben reforzar os seus servizos en horas punta son sobre todo a B9 (que cubre as parroquias de Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo) e a B3, que dá servizo a Oleiros, Montrove e Perillo e que debería reducir a súa frecuencia dos actuais 40 minutos, a 20, cando menos en horas punta. Tamén a liña B1 require unha mellora de frecuencias ou de capacidade dos autobuses e a súa prolongación ata o centro da parroquia de Nós (zona da igrexa) para atender á demanda desta parroquia de 5.000 habitantes con gran potencial de uso do autobús.

No capítulo de implementacións, compre citar novos servizos á urbanización de Xaz, que poderían casar co reforzo da liña B9 para as localidades de Dorneda, Santa Cruz e Perillo. Así mesmo, o Concello tamén demanda a necesidade dunha nova liña circular entre Perillo e o Campus Universitario que funcione nas horas de entrada e saída das aulas.

En canto a unha visión máis de futuro, Oleiros solicita un estudo rigoroso para a creación de novas liñas entre os principais núcleos de poboación e os polígonos da comarca, centros médicos e as principais localidades doutros municipios, así como que o sistema responda con maior axilidade ás necesidades estacionais, comerciais e de ocio para adaptarse mellor ás necesidades cidadás.

Unha vez atendidas estas demandas e en función de como quede a situación abordaríase, de resultar necesario, a creación dunha liña interior no municipio. O actual servizo supramunicipal entre Oleiros, Cambre e Culleredo que parte de Lorbé e acaba no Burgo será suprimido desde o 1 de xaneiro polo escaso uso e o elevado custo para as arcas do Concello, 80.000 euros anuais. 
 

back link