Oleiros, 21 de abril de 2017-. O Concello de Oleiros acaba de crear o Concurso de Fotografía Ven e Descubre “Mª José Cayado” (Cheché), co obxectivo de lembrar a figura e homenaxear a quen durante máis de 20 anos traballou por e para as persoas maiores de Oleiros en diferentes actividades e programas contribuíndo, a través do seu traballo diario cheo de vitalidade, humanidade, bo facer e sentido do humor, ao maior benestar dos maiores de Oleiros.
No concurso poderán intervir todas as persoas que participen no programa "Ven e Descubre" de excursionismo e sendeirismo que desenvolve o Concello de Oleiros anualmente. As fotografías poderán tratar calquera dos temas relacionados co programa, tanto nos seus valores como nas distintas rutas e excursións.
O concurso premiará aquela fotografía que recolla o espírito e os valores do programa, representados no estilo de vida activo e saudable, no fomento das relacións interpersoais, na aprendizaxe continua e no respecto polo entorno. Haberá un único premio en cada unha das seguintes categorías:
- “Ven e Descubre” excursionismo: premio de fin de semana turístico e recordo conmemorativo.
- “Ven e Descubre” sendeirismo: premio de fin de semana rural e recordo conmemorativo.
Ademais haberá dúas categorías máis que terán como premio un recordo conmemorativo, serán as seguintes:
- “Natureza e paisaxe”: premiará a fotografía cunha temática sobre os medios naturais que se visitan, as paisaxes, a súa fauna e a súa flora.
- “Sabor a historia”: premiará a fotografía que mellor recolla a temática da edición deste ano 2017.
As bases da convocatoria poderán ser consultadas na web do Concello de Oleiros (www.oleiros.org) ou ben solicitalas por correo electrónico no seguinte enderezo: e.rodriguez@oleiros.org.
María José Cayado” Cheché era unha persoa chea de enerxía, positiva e loitadora, que transmitía esa forza e ganas de vivir no seu traballo diario. Todas as persoas que a coñeceron lémbrana con moito agarimo, xa que en moitas ocasións foi a persoa que lles axudou a saír adiante ante momentos difíciles nas súas vidas.
O ano pasado, tras unha larga enfermidade, deixou un importante baleiro entre os maiores e entre os compañeiros e as compañeiras dos Servizos Sociais de Oleiros, polo que desta forma, a través do concurso de fotografía, seguirá estando presente e animando á xente a seguir activa, xa que a súa forma de actuar identifícase plenamente cos valores que defende este programa.