Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello promove a doazón de órganos e de sangue

Oleiros, 30 de abril de 2014-. O Concello de Oleiros vai desenvolver ao longo da semana que vén unha serie de actividades de información e promoción da doazón de órganos e de sangue baixo o título: “Eu son doante, eu salvo vidas”. O obxectivo desta semana é concienciar á poboación sobre a importancia que ten a doazón, este acto de xenerosidade salva moitas vidas e mellora a calidade de vida de moitas persoas que precisan dun transplante.

O martes, 6 de maio, ás 20.00 h, nas Torres de Santa Cruz, terá lugar unha charla baixo o título. “A doazón de órganos, o mellor agasallo” na que participarán Alejandro Montero Salinas, enfermeiro da Unidade de Transplantes do CHUAC e Jose Manuel de Llano, persoa transplantada que trasladará a súa experiencia persoal. Presentará o acto o concelleiro responsable da Área de Sanidade do Concello de Oleiros, Ignacio Crespo.

Esta mesma semana a Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Galicia acudirá polas tardes, de 16.00 a 21.00 h, o xoves 8 de maio, a Oleiros, na praza da Rabadeira, e o venres 9 de maio, á Mera, na entrada da Lagoa.

O Concello de Oleiros anima a toda a poboación a acudir á dita charla así como a doar sangue estes días, xa que é un ben moi prezado que non está no mercado, sendo o mellor agasallo que podemos facernos entre as persoas, a vida.

A sociedade española é unha das máis solidarias a nivel mundial en doazóns e o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña é un dos referentes a nivel nacional en transplantes. Tristemente, en moitos países, a vida e a saúde das persoas forma parte do negocio do crime organizado, isto non ocorre en España e toda a sociedade debemos ser conscientes da grande importancia que ten este feito para seguir loitando por ser unha potencia mundial neste campo.

O Goberno local de Oleiros no seu compromiso coa sanidade pública aposta polo desenvolvemento deste tipo de campañas que garanten a igualdade no acceso aos transplantes, promovendo a vida e a saúde desde o público co fin de garantir o seu acceso a toda a cidadanía.
 

back link