Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello presenta unha publicación que recolle o traballo realizado nos obradoiros municipais

Oleiros, 25 de febreiro de 2014-. O Concello de Oleiros presenta o próximo xoves 27 de febreiro ás 18.00 no auditorio cultural da Fábrica unha publicación que recolle o traballo realizado nos talleres de memoria organizados polo Concello. O obxectivo desta publicación, ademais de poñer en valor e mostrar o traballo desenvolto neses talleres, é o de trasladar aos veciños e veciñas de Oleiros todo ese patrimonio cultural e o coñecemento da nosa historia que posúen os nosos maiores. Coa súa lectura nas casas preténdese que xurdan conversas entre as distintas xeracións co fin de transmitir o saber e os valores positivos que había no pasado.

Máis de 200 persoas acoden semanalmente a estes obradoiros de memoria que desenvolve a Concellería de Servizos Sociais en todas as parroquias do municipio. Unha actividade dirixida a promover a estimulación cognitiva e a fomentar as relacións sociais. Nos últimos tres anos desenvolveuse dentro destes talleres o proxecto “Oleiros na memoria” co obxectivo de recuperar parte da historia do concello a través das fotos, dos relatos, das anécdotas... contadas polos seus protagonistas.

Froito deste intenso traballo de recompilación xuntouse un cuantioso material de moito valor, o que motivou que se creara unha mesa de redacción para coordinar os textos e as fotografías coas que se elaboraría a publicación. Trátase dunha revista detrás da que hai moito traballo e moito agarimo, moitos recordos e moitas emocións, porque é a historia contada por quen a viviu, contando como a viviu.  Hai que destacar o feito de que todo o que aparece nesta publicación foi elaborado integramente polas persoas que acoden aos obradoiros.

 

back link