Oleiros, 16 de xuño de 2016-. O Concello porá 50 metros cúbicos de madeira a disposición dos veciños e veciñas que queiran facer as súas fogueiras de San Xoán nas praias para evitar a contaminación da area con puntas, resortes e outros obxectos que poden ocasionar tanto contaminación medioambiental como danos físicos ás persoas usuarias dos areais. A leña repartirase principalmente na praia de Bastiagueiro, aínda que tamén estará dispoñible en menor cantidade nas outras praias de Oleiros.
Para evitar a queima de palets, sofás e calquera tipo de cousa que poidan conter cravos, realizarase un importante despregamento de Policía Local e Protección Civil nas entradas das praias para persuadir a aquelas persoas que teñan intención de queimar ese tipo de elementos. Tamén estará prohibida a introdución de botellas de cristal ou calquera elemento que conteña vidro.
Como todos os anos, é obrigatorio solicitar a correspondente autorización no Concello de Oleiros para realizar unha larada, sexa esta na praia e ou en calquera outro lugar. As normas e a solicitude pode descargarse na web municipal e deberá ser entregada cuberta e asinada no Rexistro.