Oleiros, 23 de xaneiro de 2016-. O Concello de Oleiros oferta 15 prazas para participar nun obradoiro de Cabezudos de Entroido. Mañá abre o prazo de inscrición dunha actividade dirixida a todos os públicos, desde nenos a adultos.
O entroido é unha das festas máis esperadas do ano e con máis tradición dentro das manifestacións culturais galegas. Todos os anos, o Concello de Oleiros axuda a dinamizar as festas de Entroido que se levan a cabo nas distintas casas do pobo e centros cívicos que organizan as entidades socioculturais de cada parroquia. Este ano, ademais, desenvolverase un obradoiro de Entroido de cabezudos a partir de globos e cartón ondulado e acabados en cartón pedra.
O obradoiro desenvolverase en tres sesións de dúas horas e media de duración tres sábados seguidos en horario de mañá. Será os sábados 4, 11 e 18 de febreiro de 2017 de 11:00 a 13:30 horas na Casa da Cultura de Perillo.
Estas sesións terán unha continuidade e será un requisito imprescindible para a participación no obradoiro o compromiso de asistencia a todas elas. Para solicitar información e formalizar as inscricións, as persoas interesadas deberán contactar co Departamento de Cultura, no centro cultural A Fábrica, persoalmente ou a través do teléfono 981 610 000 (ext. 4915 e 4916).