Oleiros, 11 de setembro de 2017-. O xoves 14 de setembro ábrese o prazo de inscrición para dous obradoiros dirixidos ás familias de Oleiros con menores que pretenden previr e reducir os conflitos na convivencia diaria. A metodoloxía proposta para estes obradoiros é vivencial, participativa e divertida, con dinámicas nas que aprender sexa algo divertido e construtivo, e nos que, sesión tras sesión, poidan recoñecer os avances acadados coa aplicación dos coñecementos adquiridos.
As inscricións poderán facerse a través da sede electrónica da web municipal, no apartado Cidadáns e Empresas, en trámites en liña, a partir das 10:00 horas do día 14. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.
O Obradoiro de Comunicación e xestión emocional no entorno familiar está dirixido a familias con menores de 7 a 14 anos. Terá lugar no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo, todos os xoves de 19:00 a 21:00 desde o 21 de setembro ata o 23 de novembro. Este obradoiro celébrase por terceiro ano consecutivo e tivo uns excelentes resultados nas anteriores edicións, cunhas valoracións moi positivas por parte das persoas participantes.
Pola súa parte, o Obradoiro de Disciplina positiva está dirixido a familias con menores de 0 a 6 anos. Igualmente, terá lugar no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo, todos os mércores de 19:00 a 21:00 horas desde o 20 de setembro ata o 22 de novembro.
Desde a área municipal de Servizos Sociais observouse que nos últimos anos as demandas por situación de conflitos na convivencia diaria con menores incrementáronse notablemente. Na actualidade o papel educativo da familia complicouse por distintos motivos: amplas xornadas laborais, maior número de fogares monoparentais, forte impacto de influencias externas como medios de comunicación, redes sociais, etc. Os valores e a mensaxe que se quere transmitir aos fillos e fillas é cada vez mais difícil facela chegar, polo que estes obradoiros queren contribuír e apoiar ás familias nesa importante e fundamental tarefa educativa.
O papel das familias é fundamental no crecemento e desenvolvemento emocional dos nenos e nenas, polo que é o obxectivo destes obradoiros que os pais e as nais poidan adquirir unha serie de ferramentas e habilidades que lles axuden nesa responsabilidade, á vez que se lles achegan novas estratexias para afrontarse ás situación de conflito.