Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello organiza unha ruta familiar Da Fraga aos Muíños-Mesía enmarcada no programa Andares por Galicia

O vindeiro sábado 11 de outubro terá lugar unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros, tratándose nesta ocasión dunha ruta familiar.

O sábado 11 de outubro celebrarase unha nova ruta familiar do programa Andares por Galicia: Ruta da Fraga aos Muíños-Mesía. O punto de inicio da ruta será Brañas de Valga (Mesía) e o punto final, Ponte Carballa (Mesía). A distancia da ruta serán 7 km e a dificultade da mesma considérase baixa.

As familias participantes visitarán puntos de interese como Brañas de Valga, Fraga de Areosa, paisaxes agrarias e forestais, Muíños de Queiroa, Batán e A Cubela; aldeas da Carballa e Leborís, carballeira de Santo Antón, área de lecer de Ponte Carballa e río Samo. A saída rematará cunha visita cultural á granxa ecolóxica “Casa Grande de Xanceda” ou Aula de natureza Brañas de Valga.

Este programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.

A saída do 11 de outubro contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas  para cada unha das saídas, cun prezo público de 23 euros para persoas adultas e 6 euros para menores de idade nas rutas familiares.

As rutas familiares están dirixidas a familias, nas que poderán participar menores que como mínimo cumpran 6 anos no ano da actividade, e o pai e a nai ou titor/a legal. 
Nas rutas familiares deberán inscribirse, como mínimo, un/unha menor máis un/unha proxenitor/a ou titor/a. 

As preinscricións realizaranse preferentemente a través da web municipal no seguinte enlace  INSCRICIÓN RUTA FAMILIAR a partir do martes 30 de setembro ás 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. A adxudicación de prazas será por rigorosa orde de inscrición con preferencia para persoas empadroadas no Concello de Oleiros. 

Para obter máis información é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org
 

back link