Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello organiza unha romaría na Finca Tenreiro para que os veciños coñezan este novo parqu

Oleiros, 1 de agosto de 2014-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou esta mañá que o Concello de Oleiros, tras a firma da escritura de adquisición da coñecida como finca Tenreiro, organizará unha romaría nesta zona verde co obxectivo de que todos os veciños e veciñas que o desexen coñezan este novo parque público. A cita será o próximo sábado 13 de setembro ao longo de todo o día. Do mesmo xeito, a xornada será aproveitada para coñecer o novo colexio que se está a construír nas inmediacións do parque.

 
A nova zona verde é un terreo amurallado de 30.000 metros cadrados que conta con fermosas árbores centenarias situada na parroquia de Nós. Parte desta finca, ao redor de 11.000 metros cadrados xa era de propiedade municipal. De feito o Goberno local adquiriu hai anos esa parte do terreo para situar o citado colexio que se está a construír neste lugar. 
 
Con esta nova adquisición, o Goberno local suma outros  20.000 metros cadrados que serán destinados a parque público. O acordo coa fundación propietaria do terreo alcanzouse a cambio dunha cantidade en efectivo, ao redor dos 86.000 euros, e 4 parcelas urbanas de solo edificable que suman un total de 1.000 metros cadrados situadas en Canide e que o Concello adquiriu a través da xestión urbanística y que proceden das cargas urbanísticas, polo que foron adquiridas no seu día sen necesidade de realizar ningún desembolso.
 
Deste xeito, A parroquia de Nós conta cun novo parque de gran beleza e que loce árbores centenarios. Na antiga propiedade señorial que data de 1875 existen diversas construcións, hoxe en ruínas, como a antiga mansión, a residencia dos caseros, así como unha montaña artificial e un xardín cunha senda construída en madeira de boj. Tamén hai un Lago artificial que se comunicaba con outra área acuática a través dun túnel no que se utilizaba unha pequena embarcación. Todo iso está decorado con motivos gaudianos.  
 
back link