Oleiros, 4 de setembro de 2017-. O Concello de Oleiros organiza para o sábado 23 de setembro unha ruta de interpretación ambiental e cultural polo Camiño de Santiago, no tramo que vai desde Palas de Rei ata Arzúa. Ofértanse un total de 40 prazas, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
A ruta, con saída de Palas de Rei, pasa por San Xiao do Camiño, O Leboreiro, Ponte Furelos, Melide e as rúas de Arzúa. A distancia total é de 28 quilómetros e está cualificada como de dificultade alta.
A excursión está pensada para un público familiar, preferentemente maiores de idade. Valorarase a posibilidade de participación de menores de idade, sempre e cando asistan acompañados dunha persoa adulta. O prezo é de 18 euros para empadroados e de 23 euros non empadroados.
Para apuntarse e obter máis información é preciso dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico
cultura@oleiros.org.