Oleiros, 29 de abril de 2014-. O Concello de Oleiros organiza para o próximo 6 de maio unha charla sobre o escritor Xosé María Díaz Castro, o autor homenaxeado con motivo do Día das Letras Galegas. A charla celebrarase ás 10.30 horas na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro, situada no Centro Cultural As Torres de Santa Cruz, a cargo do profesor, escritor e crítico literario Armando Requeixo. Esta actividade, organizada polas bibliotecas municipais de Oleiros, está dirixida ao alumnado de 3º e 4º de ESO do instituto Neira Vilas e do instituto Miraflores e nela participarán sobre 160 alumnos e alumnas e 9 profesores e profesoras destes centros.
Xosé María Díaz Castro foi un escritor e tradutor galego. A súa obra Nimbos, publicada pola editorial Galaxia, tivo moita influencia en poetas posteriores pola súa perfección, pola preocupación por Galicia e por tratar os problemas básicos do ser humano: a vida, a morte e o tempo. Un dos seus poemas máis coñecidos é o titulado Penélope, no que reflexiona sobre Galicia. A Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas deste ano coincidindo co centenario do nacemento do autor. O profesor, escritor e crítico literario Armando Requeixo realizou a tese doutoral sobre a Obra completa de Xosé María Díaz Castro. Estudo e edición crítica.