Oleiros, 31 de outubro de 2012.- O Concello de Oleiros organiza para o vindeiro mércores día 7 de novembro un obradoiro do espectador, unha proposta do Grupo Chévere dirixida a calquera persoa interesada na cultura e no teatro para mellorar a comprensión e o gozo das obras de teatro. O obradoiro terá lugar no teatro As Torres, de 18.00 a 20.00 horas, a asistencia é de balde ata completar as 25 prazas que se ofertan, mais é preciso inscribirse previamente chamando ao teléfono 981 610 000.
No obradoiro participarán os membros da compañía Chévere Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira. Neste caso falarán de Citizen, a obra que se representará no auditorio Gabriel García Márquez de Mera o sábado 17 de novembro.
O obradoiro do espectador servirá para promover a relación entre veciños e veciñas, compartir en grupo as nosas inquedanzas e dúbidas como espectadores e ter un contacto directo cos artistas que visitan o Concello de Oleiros.
Citizen conta as historias curzadas de A.O., un empresario galego do téxtil que se converte nunha das persoas máis ricas do mundo no último terzo do século XX, e de Sara, unha rapaza implicada na loita anti-franquista nos 70 que anos despois acaba traballando con outras veciñas nun taller de confección que cose para unha gran empresa.