Oleiros, 7 de maio de 2019-. Os mozos e mozas de 12 a 30 anos con inquedanzas artísticas poderán deseñar un logo e un nome en galego para o Consello da Mocidade. O prazo para entregar os traballos remata o 24 de maio.
Os deseños poden entregarse na Fábrica de 9:00 a 14:00 horas ou na Biblioteca Rialeda de 17:00 a 20:30 horas. O/a gañador/a terá como premio unha tableta electrónica de deseño gráfico.
Hai dous anos o Concello puxo en marcha o Consello da Mocidade de Oleiros, un grupo de participación xuvenil para mozos e mozas de 14 a 30 anos con inquedanzas e propostas, que traballan en conxunto co Concello recollendo demandas da mocidade oleirense e desenvolvendo proxectos conxuntamente. Colaboraron no deseño dos locais xuvenís municipais, na selección de actividades de verán e están a traballar noutras propostas conxuntas.