Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello organiza un ciclo de música baixo o título «Voces cálidas para noites de inverno»

Oleiros, 28 de xaneiro de 2014-. O Concello de Oleiros organiza ao longo das próximas semanas un ciclo de música para as noites dos sábados. O programa conta con tres concertos que abranguen tres estilos diferentes: soul e jazz, canción de autor e pop. O obxectivo principal é a difusión da música como disciplina artística e a promoción de novos artistas pero que xa contan cunha traxectoria recoñecida. Todos os concertos programados terán lugar no auditorio do centro cultural A Fábrica, de Perillo. As entradas poñeranse á venda unha hora antes do inicio dos espectáculos a un prezo de 2,5 euros.

Sábado 8 de febreiro ás 20.30 horas: AS GRANDES DIVAS DO JAZZ

A cantante Marian Ledesma, acompañada por catro grandes músicos de bandas como Miki Nervio & The Bluesmakers ou May Thai and The Torino Rockets, ofrece un repaso por grandes cancións da historia do jazz interpretadas por mulleres. Poderás escoitar na súa fabulosa voz temas de Bessie Smith, Elizabeth Cotten, Minnie Memphis, Dinah Washington, Billie Holliday e a gran deusa Ella Fitzgerald. Ademais das súas cancións coñecerás tamén anécdotas das súas vidas e do contexto social no que se desenvolveu un dos movementos musicais máis importante do século XX. A formación está composta por un contrabaixo, guitarra, batería, saxo e voz.

Sábado 15 febreiro ás 20.30 horas: SILVIA PENIDE Y LOS ANIMALES

A cantante e compositora Silvia Penide, acompañada da súa banda Los Animales (Fernando Lamas: batería, Rubén Barros-Deschamps: guitarra, Fran Castro: teclado e Serxio Moreira: piano) presentará temas do seu último disco
Animal de compañía, un traballo persoal, íntimo, atrevido e cheo de letras duras e maduras.

Sábado 22 febreiro ás 20.30 horas: LA LUZ DE LOS GIGANTES

Neste proxecto César rompe co formato máis acústico e se aventura con
estilos que fan chiscos ao rock e ao pop. As letras seguen tendo un carácter intimista pero cun aire novo máis eléctrico. Formación: Diego Barral (guitarras), Dresan Drex (batería), Juan Aparicio (baixo), Alberto Mouriño (batería), e Tonu Leiro (percusións).
 

back link