Esta mañá comezaron os obradoiros Punto Violeta no colexio Luise Seoane, que se levarán a todos os demais colexios. Ademais da instalación dun Punto Violeta no recreo —un espazo atendido por profesionais especializadas onde alumnado e profesorado poden informarse, participar en xogos de sensibilización e ampliar coñecementos sobre os diferentes tipos de violencias machistas, o consentimento e os recursos dispoñibles— organízanse obradoiros en aula, dirixidos este ano ao alumnado de 3º de primaria, nos que se trata a prevención das violencias desde idades temperás. Nestes obradoiros trabállanse o respecto, os coidados, os límites persoais, o consentimento e a detección temperá das violencias mediante dinámicas participativas como o semáforo corporal, a caixa dos toques ou diversas actividades de bo trato, co obxectivo de que as nenas e nenos aprendan a identificar situacións que non lles fan sentir ben, dicir “non”, pedir axuda e recoñecer persoas adultas de referencia ás que acudir.
Pola súa banda, o programa “Repensando as masculinidades”, dirixido ao alumnado de 4º da ESO, continúa o seu desenvolvemento nos IES municipais tras iniciarse no mes de outubro. A actividade, estruturada en tres sesións por grupo, busca analizar criticamente os mandatos tradicionais asociados á masculinidade, fomentar valores de coidado, corresponsabilidade e empatía, e previr discursos e condutas machistas presentes tanto no ámbito escolar como nas redes sociais e contornos dixitais. Trátase dun espazo seguro de reflexión no que o alumnado pode compartir experiencias, analizar referentes culturais, identificar sinais de alerta e construír modelos de relación máis igualitarios, libres e respectuosos.
Co impulso destes obradoiros, o Concello reafirma o seu compromiso coa construción dun municipio libre de violencias machistas e coa promoción de espazos educativos que garantan o respecto, a igualdade e a liberdade para a infancia e a mocidade.