Oleiros, 20 de novembro de 2013.– O Concello de Oleiros organiza unha mesa redonda sobre a igualdade de xénero e a educación, que terá lugar no centro cultural A Fábrica mañá 20 de novembro ás 20.00 horas.
Esta mesa redonda enmárcase dentro do programa de educación para a saúde de Oleiros, en concreto na Escola de Pais e Nais. O obxectivo destas mesas redondas é o de achegar a todos os pais e nais, así como os veciños en xeral, as distintas accións e programas que o Concello de Oleiros leva a cabo nos centros educativos. Xa que os éxitos dos programas educativos están na colaboración conxunta e estreita entre familias, centros educativos e Concello.
O día 20 de novembro falaremos da igualdade de xénero e da educación desde a liña da investigación no social e no mundo escolar, dos programas de intervención cos adolescentes e presentarase o programa Escola Coeducativa que o Concello de Oleiros pon a andar neste curso.
A mesa estará composta por Ana Iglesias Galdo, decana de Ciencias da Educación da UDC, co seu relatorio “Igualdade de xénero e educación, de que falamos?; Natalia Domínguez Galán, educadora social, co seu relatorio “A experiencia profesional de intervención en programas de igualdade con adolescentes” e Sandra Fernández, concelleira de Ensino e Xuventude, con “Escola Coeducativa”.