Oleiros, 7 de setembro de 2020-. A programación cultural do Concello de Oleiros para o outono comeza este sábado día 12 de setembro coa representación da obra de teatro Bernarda no auditorio Gabriel García Márquez de Mera, ás 20:30 horas. Este será o primeiro dos espectáculos culturais previstos ata o mes de decembro.
A programación teatral contará coa colaboración da Deputación da Coruña e da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. Tamén haberá diversos espectáculos de música, danza e maxia nos diferentes espazos escénicos municipais entre os meses de setembro e decembro.
Este ano, en atención ás indicacións e medidas de seguridade e hixiene fronte ao COVID-19, todos os espectáculos terán aforo limitado e será obrigatorio manter a distancia de seguridade e asistir con máscara, así como atender as indicacións e normas da organización.