Oleiros, 18 de marzo de 2019-. O Concello de Oleiros pon en marcha, a través da concellería de Servizos Sociais, o programa Familias Inquedas, un conxunto de actividades dirixidas ás familias de Oleiros con menores para apoialas, acompañalas e axudarlles na educación dos seus fillos e fillas. A oferta está dirixida a familias con menores en todos os grupos de idade, desde infantil á adolescencia, e con distintos formatos para que poida acudir todas as persoas que o desexen.
As novas tecnoloxías, os continuos e rápidos cambios no contorno, as redes sociais… son circunstancias que, en ocasións, dificultan ás familias a educación dos seus fillos e fillas, deterioran a convivencia diaria e rompen a comunicación. As familias precisan, e demandan, coñecer e comprender os mecanismos que inciden na vida e na evolución dos seus fillos e fillas, adquirir novas ferramentas e contar con máis recursos nesta difícil tarefa que teñen por diante.
Esta mesma semana iníciase este programa con dúas actividades:
CHARLA ABERTA: “Adolescencia. Unha mirada desde a empatía”, o xoves 21 de marzo, ás 20:00 horas na Fábrica.
Nesta charla falarase desta etapa da vida, transcendental na evolución e desenvolvemento dos menores, e que, á vez, é orixe de moitos problemas na comunicación e na convivencia diaria. A visión que se ofrecerá será desde a empatía, a comprensión e o coñecemento da orixe das situacións características desta etapa. Para poder apoiar e acompañar é importante comprender e coñecer.
OBRADOIRO: “Acompañando na adolescencia”
O obradoiro iniciase o mércores 27 de marzo, en horario de 19:00 a 21:00 horas e contará con 8 sesións que se desenvolverán nas aulas do Centro Municipal de Artes Escénica en Perillo. As inscricións para este obradoiro serán, a partir do venres 22 de marzo ás 10:00 horas, a través da web municipal www.oleiros.org, na sede electrónica, na carpeta de cidadáns e empresas, en trámites en liña.
Sara Vierna e Virginia Pañeda, de Almas Meraki, van impartir tanto a charla como o obradoiro. Son expertas en educación emocional, xénero e traballo con adolescentes.