Oleiros, 24 de febreiro de 2014-. Esta mañá comezaron no parque José Martí de Santa Cristina os traballos de apeo controlado e tala de 4 exemplares de chopo (Populus hybrida) de gran tamaño, afectados por diversas enfermidades que os converten en elementos con alto risco para os usuarios e usuarias deste emblemático contorno.
Os chopos son árbores cunha lonxevidade curta, cunhas características moi particulares en cuanto a crecemento, durabilidade da madeira e comportamento ante as agresións, tanto naturais como as producidas polas podas. Os exemplares que nos ocupan presentan amplas zonas do tronco e polas principais invadidas por fungos parasitos que provocan grandes podremias, coa conseguinte perda de resistencia á rotura das polas afectadas, segundo sinalan os técnicos municipais.
Despois de facer varias análises, tanto fitopatolóxicas como de estabilidade estrutural e posibilidades de tratamentos efectivos, tomouse a decisión de eliminar estes exemplares polas razóns antes expostas e, principalmente, para evitar posibles danos aos usuarios do parque. Esta decisión non é agradable de tomar, pero non existe ningunha posibilidade de salvar estas árbores.
Debido á envergadura dos exemplares a talar, estase utilizando unha grúa de alta capacidade de carga e camións pesados, polo que son precisas unha serie de medidas excepcionais de regulación de tráfico, limitación de aparcamentos e acceso das persoas ao parque durante a duración dos traballos. En principio, o prazo de execución desta tarefa é dunha semana durante a cal o parque permanecerá pechado ao público. Realizouse unha reserva de aparcamento na zona de acceso ao parque pola avenida de Santa Cristina e utilizarase unha parte do aparcamento da Mazota para a acumulación intermedia da madeira e zona de carga de camións.